mércores, 29 de xullo de 2015

Relatos de Amor e Violencia

Non lembro, hai cousas que non lembro... moitas. Case non lembro cousas da miña infancia. Iso si teño unha lembranza: a miña nai chorando, choraba moito miña nai. Eu preguntábame por que choraba "non pasa nada" dicía ela... Pasado un tempo relacionei que choraba depois de falar con el... Sempre estaba triste miña nai. Unha vez díxome: tes que estudar para non depender de ninguén, eu tiña 7 anos e xamais deixei de estudar, xamais.
Miña nai non era capaz de enfrontarse a el e eu intentaba tirar por ela, nunca a vin feliz realmente. O que me sorprende e que só eu me dese conta, aparentemente, meus irmáns non se decataban ou polo menos nunca se falou do tema e vían o mesmo...
En público era diferente, non notabas nada raro pero eu fun a casa dunha amiga e pensei: " isto é distinto"
Non entendo a miña nai, non entendo que diga que o quere, eu non podo querelo.
(este é o relato dunha muller xove críada nun ambiente de maltrato psicolóxico, percíbense os efectos sobre os fillos). Un pai violento nunca é un bo modelo para os fillos e xamais é un  bo pai.
----------------------------

Por un intre, un segundo sen máis coma un refacho volveu ese pensamento: non quero estar aquí, non quero vivir, non estou recuperada, non estarei recuperada mentres teña estas entradas autodestrutivas, sorte que non teño fillos (o suicidio da nai fai un dano irreparable dime o psiquiatra)... vaime subir a dose se lle falo destes refachos asasinos...
(palabras dunha muller que conviviu moitos anos cunha parella violenta).

Relatos desesperados dunha muller namorada, ese namoramento que a fai aguantar, que lle impedía reaccionar cuando recibía  insultos, desprezos. Hai afectos que danan, afectos que destrúen sen deixar  de ser afectos, hai un vínculo afectivo, un vínculo destrutivo pero un vínculo.

Ese amor romántico perverso impide á muller reaccionar a tempo pero non se pode explicar só polo amor romántico que claro que fai estragos en mulleres dependentes e en moitas menos dependentes... hai outros factores engadidos nestas mulleres feridas de amor como é se houbo violencia na súa familia de orixe, hai por tanto unha tendencia a repetir o trauma (compulsión a repetilo): non senten que merezan nada mellor, merece o que lle pasa cre , e non sabe que esas cousas non son normais.

Se analizamos as raíces, a infancia, podemos comprobar que as mulleres teñen ausencia de apego sano (vínculo inseguro coa nai... por ex) e de adultas van buscar nas persoas que se encontran "todo o que lles faltou de nenas" facendo calquera cousa para preservar ese vínculo que lle aporta algo disto "iso non mo deu ninguén xamais"  poden dicir. Para unha persoa con carencias afetivas isto é o ceo.... ai! ai! ela non sabe que este vínculo afetivo é destrutivo, moi destrutivo. Ela terá que preguntarse por que permanece ancorada nun vínculo afectivo destrutivo e non será só polo amor romántico non.

Educar ós nenos facéndolle pensar que cando alguén os quere están a salvo, non é axeitado. Están a salvo cando alguén "os quere ben".