mércores, 14 de decembro de 2016

"Para min o importante é ter alguén que te mire cando falas"

Onte estiven con María,  María José , María del Carmen , María del Pilar...todas temos algo de María e non só no nome , estamos fartas desa dobre xornada diaria e de estar sempre para os demáis.
María tivera varios intentos frustrados, argallaba hai tempo facelo e un día cercano xa a xubilación marchou.

María dicía que isto da lotería do Nadal, que tan complicado é que che toque , e ela sempre se pasmaba coas colas e colas antes do sorteo, xa que para ela ese papeliño qué lotería era?
Para ela a mellor lotería e ter alguén que lle mirara aos ollos cuando falase, un anaquiño todos os días : "para min é importante ter alguén que te mire cuando falas e recordar a vida, aínda que a miña non sexa ideal para recordar:  as miradas intimidantes, o ton de voz, os silencios,  esos silencios de non estar dispoñible para ninguén agás para si mesmo ou dicir :"eu non falo de tonterías"  (e así non falaba de nada comigo).  El decidía cando estar dispoñible e eu tiña que acatar as súas regras , agora si... agora non...

María logrou sair deses silencios impostos cando ela quixo e decidiu . As mulleres que sofren maltrato son un grupo heteroxeneo sin máis elementos comúns que o feito de ser muller e ter unha relación cun home que recurre á violencia.  Non son pouco formadas, nin pouco intelixentes, nin pouco valentes, non son necesariamente dependentes do agresor. Non se pode dubidar do seu relato nin culpabilizala de soportar durante anos un calvario.
En muitos casos a propia familia/amigos  pon en dúbida a situación que vive a muller e isto o que fai é complicar moito máis a situación.

domingo, 17 de xullo de 2016

O perdón é unha opción, non un deber moral

Educar ás/aos nenas/os facéndolles pensar que cando alguén os quere están a salvo, non é axeitado e non sempre é así. Están a salvo cando alguén lles quere ben. Hai afectos que danan, afectos que destrúen sen deixar de ser afectos.

Cómpre distiguir entre agresión e maltrato, na agresión a violencia é puntual (ocasional) e o maltrato é algo mantido no tempo (a violencia define a relación interpersoal). Se damos unha labazada a un neno unimos amor e violencia, transmitímoslle ao fillo unha mensaxe equivocada "os que aman teñen dereito a agredir". En todas as culturas hai violencia, xa que ten que ver co manexo do poder nas relacións interpersoais: ou domino ou son dominado.

Temos que educar aos fillos sen cruzar a liña da violencia, sen utilizar a violencia como unha forma de resolver conflitos. Cando un pai pega sempre é un erro do pai, sempre é unha perda de control do pai, sempre é unha falta de recursos. Para educar sen violencia hai que utilizar o castigo non violento, o diálogo, consenso entre os dous proxenitores, esperar para tomar decisións, ser coherentes coas normas que temos e pedir perdón de ser necesario. No posible deben decidir e deben elexir, non debemos decidir por eles. Normas e límites son necesarias para educar e ter autoridade sobre os nenos. Ser colegas dos fillos non é educar.

No caso dos nenos que viven situacións violentas eles son os que deben decidir se perdoan ou non. O perdón é sempre unha opción e non perdoar tamén o é. É igual de lexítimo non perdoar. O psicólogo que traballe violencia intrafamiliar, xamais debe forzar nin esixir o perdón. O perdón é terapéutico, pero debe ser elixido pola vítima. Será polo tanto a vítima quen decida preservar o vínculo ou non co seu agresor. Só a vítima pode decidir continuar nun futuro esa relación co proxenitor violento: pensemos no caso de abuso sexual que non é máis que unha forma máis de violencia sobre o menor e que é o máis devastador para unha persoa... en non poucos casos non queren volver a ter relación co agresor.

Violencia tamén é facer sentir culpable ao fillo. Faino responsable dos seus actos, pero culpable de nada. Xa sabemos todos que as palabras poden ferir máis que unha labazada...

martes, 17 de maio de 2016

O namoramento dura o que dura e despois hai outras cousas ...

Hai anos, anos xa... eu non chegaba aos trinta escoitei iso de que "os matrimonios de conveniencia son os que máis duran". No momento quedei escandalizada, xa sabemos todas como nos "come o tarro" iso do amor romántico, iso de realizarnos co amor, iso da entrega aos demais...

Isto de por conveniencia... que dura a cousa máis, mais que qué?... que o amor?? claro e logo¡¡¡¡ O amor dura o que dura ata que se acaba ou se transforma (ás veces é mellor que se acabe...).

Conveniencia abarca moito: lucro, proveito , interese, recompensa,  ganancia, utilidade, vantaxe, comodidade  ui¡¡¡ comodidade, neste intre recordamos moitos matrimonios cómodos verdade??
Está claro que dura máis a conveniencia que o amor e... cántos hai que empezan por amor e seguen por conveniencia¡¡¡¡

Quen está namorado depois de 17 anos de convivencia? dicíame hai días unha persoa e ten razón: O  namoramento dura o que dura e despois hai outras cousas: fillos,  hipoteca (une moooito ), unha vida organizada e estructurada etc, etc.

Pode parecer unha visión moi negativa do amor de parella, negativa tal e como nos educaron si: fomos e somos educadas no código do coidado ao outro e á subsmisión, de someternos aos homes, de crer que necesitamos o seu apoio e que fracasamos se non mantemos a relación (o amor romántico fai estragos, posibilita aguantar violencia... mata)

Hai unha socialización diferencial para os nenos e as nenas, eles son educados para ser autónomos e exercer o poder sobre as mulleres. Non se recoñece ás mulleres como seres autónomos con necesidades propias. Dende que nacemos é así, crendo que o amor é o que dá significado á nosa vida.

En fin, intimidade, paixón e compromiso segundo di ROBERT STERNBERG (2004) son os tres compoñentes do amor que de estaren integrados dura e dura e dura... Iso do compromiso abarca moitas cousas entre elas coido eu a conveniencia así que sigo pensando que moitos insisten e insisten polo compromiso.




mércores, 6 de xaneiro de 2016

Atentas

Hai persoas que son un pracer, pracer escoitalas, pracer miralas simplemente, como pensan, como se moven, como escoitan.. ..son persoas que veñen a salvarnos, soa mal dicilo así xa que cada un sálvase a si mesmo pero todos temos alguén que nos poida escoitar non? ou debería ser así.

En 2015 foron asasinadas 64 mulleres a mans das parellas, estas mulleres seguro que nalgún momento falaron con alguén, cunha irmá, cunha cuñada, cunha amiga... temos que prestar atención, sempre hai indicios de que ela está mal, de que está triste, de que ten medo. 

Temos que estar atentas coas mulleres que temos ao lado xa que o agresor pode ser amable coa familia (pensemos no agresor hipercontrolado) e extremadamente cruel con ela.  Sempre hai sinais sempre... sempre... o caso é querer velas. Hai que falar con elas para que vexan o perigo, para que denuncien.

En 2015, 64 destas mulleres seguro que tiñan algunha persoa pracer coa que falar, coa que desafogar.

As mulleres temos que estar unidas e atentas: unha muller que sofre maltrato ten dúbidas, un día veo claro e outro cúlpase a si mesma e os cercanos a ela podemos facer moito se abrimos os olhos, ese curmán, ese cuñado, ese amigo pode ser un maltratador e moitas veces as mulleres miramos para outro lado.

Os machistas utilizan as súas parellas como escaparate do seu poderío, o único que lle importa é exercer o control e poder sobre elas e non imos ser cómplices deste maltrato.

ATENTAS COAS MULLERES QUE TEMOS AO LADO¡¡¡¡