domingo, 17 de xullo de 2016

O perdón é unha opción, non un deber moral

Educar ás/aos nenas/os facéndolles pensar que cando alguén os quere están a salvo, non é axeitado e non sempre é así. Están a salvo cando alguén lles quere ben. Hai afectos que danan, afectos que destrúen sen deixar de ser afectos.

Cómpre distiguir entre agresión e maltrato, na agresión a violencia é puntual (ocasional) e o maltrato é algo mantido no tempo (a violencia define a relación interpersoal). Se damos unha labazada a un neno unimos amor e violencia, transmitímoslle ao fillo unha mensaxe equivocada "os que aman teñen dereito a agredir". En todas as culturas hai violencia, xa que ten que ver co manexo do poder nas relacións interpersoais: ou domino ou son dominado.

Temos que educar aos fillos sen cruzar a liña da violencia, sen utilizar a violencia como unha forma de resolver conflitos. Cando un pai pega sempre é un erro do pai, sempre é unha perda de control do pai, sempre é unha falta de recursos. Para educar sen violencia hai que utilizar o castigo non violento, o diálogo, consenso entre os dous proxenitores, esperar para tomar decisións, ser coherentes coas normas que temos e pedir perdón de ser necesario. No posible deben decidir e deben elexir, non debemos decidir por eles. Normas e límites son necesarias para educar e ter autoridade sobre os nenos. Ser colegas dos fillos non é educar.

No caso dos nenos que viven situacións violentas eles son os que deben decidir se perdoan ou non. O perdón é sempre unha opción e non perdoar tamén o é. É igual de lexítimo non perdoar. O psicólogo que traballe violencia intrafamiliar, xamais debe forzar nin esixir o perdón. O perdón é terapéutico, pero debe ser elixido pola vítima. Será polo tanto a vítima quen decida preservar o vínculo ou non co seu agresor. Só a vítima pode decidir continuar nun futuro esa relación co proxenitor violento: pensemos no caso de abuso sexual que non é máis que unha forma máis de violencia sobre o menor e que é o máis devastador para unha persoa... en non poucos casos non queren volver a ter relación co agresor.

Violencia tamén é facer sentir culpable ao fillo. Faino responsable dos seus actos, pero culpable de nada. Xa sabemos todos que as palabras poden ferir máis que unha labazada...

Ningún comentario:

Publicar un comentario